Skip to main content

A perda sistemática de falantes do galego é consecuencia directa do modo de produción capitalista. O Partido Popular e o Partido Socialista, como xestores dos gobernos autonómico e central (respectivamente), limítanse a dinamizar a explotación que sofre a clase obreira baixo este sistema e asumen conscientemente as consecuencias culturais que isto implica, dado que a prioridade en ambos casos é a do mantemento dos dividendos dos capitalistas. Beneficiar o ensino privado, precarizar a CRTVG e externalizar a súa produción audiovisual, o abandono do campo e a costa pesqueira e o consecuente éxodo rural, xunto á dinamización do turismo masivo fan das políticas dos partidos de goberno na Galiza e en España a tormenta perfecta para a paulatina desaparición do galego.

A consecuencia estas políticas nefastas son os resultados da enquisa sobre datos e usos da lingua galega que publica o IGE os cales amosan que o galego, por primeira vez, deixa de ser a lingua maioritaria na Galiza. Ante isto, o Partido Popular, co obxectivo de evitar a súa responsabilidade decidiu culpabilizar á clase obreira migrante do descenso no uso do galego; intentando afondar na división da nosa clase. Non debemos permitir que as expresións culturais úsense como arma para dividir a nosa integridade como clase e a defensa común dos nosos intereses. As persoas traballadoras deben saber que a ameaza para o galego non ven dos seus iguais, senón dun sistema, o capitalista, onde incluso a cultura convértese en mercadoría. E en función do que xeras, vales. O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) non é alleo á situación crítica que sofre a lingua galega. Entendemos que o galego, ademais de ser a lingua vehicular dun sector da nosa clase, é un dos nosos maiores patrimonios culturais; froito da necesidade de entendemento entre xentes labregas do campo e do mar no contexto extractivo e nas aldeas e vilas vencelladas co mesmo.

A súa vez, debemos comprender que o capital só ten unha cultura: a da xeración de beneficios. Os capitalistas afincados dentro e fóra da Galiza implementarán nas catro provincias galegas o uso da lingua que pensen pode mellorar a posición dos seus investimentos; como se observa no sector turístico co uso do castelán ou do inglés. Cabe destacar, que ós capitalistas residentes na Galiza con negocios en territorio galego ou no resto de España non son capitalistas galegos ao uso. A súa posición está vencellada á de facer negocios no maior número de territorios posibles; sendo o conxunto de España e da Unión Europea o seu mercado natural. Os que en tempos foron capitalistas ou burgueses galegos, rexeitaron limitarse a facer negocio na Galiza para maximizar así os seus beneficios. Os capitalistas galegos, cataláns ou madrileños, decidiron abandonar a explotación parcial de certos territorios ambicionando a explotación en toda España e, por tanto, misturaron e homoxeneizaron económica, social e culturalmente á clase obreira de todo o territorio español a través do desenrolo industrial que da pe ao éxodo rural e aos grandes fluxos migratorios internos na península ibérica, a definición de leis e políticas estatais comúns, a creación de grandes grupos mediatíceos que operan no conxunto de España, o desenrolo de infraestruturas e a libre circulación de traballadores (entre outras). Isto implica forzosamente o deterioro ou perda de moitos elementos culturais singulares en todos os territorios de España. Un deses elementos é a lingua. E máis concretamente a redución do uso das falas menos transversais ao conxunto do territorio español en detrimento da máis usada, como é o castelán.

Por tanto, a situación que vive o galego non se pode entender mirando unicamente ás políticas lingüísticas do goberno que ocupa a Xunta, xa que a perda progresiva de falantes foi unha constante independentemente de quen ocupara o goberno autonómico. Isto explicase debido a que o proceso de perda de peso do galego fronte o castelán esta intimamente ligado ao modelo de produción capitalista do que falamos anteriormente e que impulsa unha homoxeneización dos mercados e por extensión da cultura incluíndo a lingua. Polo tanto, a supervivencia do galego está supeditada ao triunfo do socialismo-comunismo. O galego está determinado a desaparecer no presente sistema de produción, polo que só pode manterse como lingua viva nun sistema socio-económico onde as linguas adquiran valor non só polo beneficio económico que xeran ou a súa utilidade para comunicar aos falantes da mesma lingua, senón tamén polo feito de ser patrimonio cultural ligado á idiosincrasia e vida do pobo que lle deu forma durante séculos.

Esta tendencia de substitución do galego polo castelán vese agravada polas políticas lingüísticas do PP, especialmente o decreto de plurilingüísimo. Este decreto fixa o máximo da docencia en galego na ESO e na Primaria nun 50% (o mínimo legal marcado polo decreto anterior). Ademais, ordena que a docencia das materias do ámbito STEM sexa en castelán. A pesar de que a teoría fala dunha repartición equitativa entre galego e castelán, na práctica vese que o ensino é maioritario en castelán. Isto débese a que o decreto fixa que en galego déanse 29 horas, fronte a 39 horas que se dan en castelán e 16 horas correspondentes a linguas estranxeiras. Este desequilibrio deberíase solucionar coas materias optativas pero a falta de materiais en galego o imposibilita. A plataforma Edixgal da Xunta, lonxe de solucionar esta situación a agrava. O feito de que as materias do ámbito científico e tecnolóxico téñanse que dar obrigatoriamente en castelán tamén delimita o uso do galego e revive prexuízos que a propia sociedade galega estaba superando.

Estas políticas de sobreproteción do castelán no ensino teñen como consecuencia que, na última enquisa do IGE, un terzo dos menores de 15 anos afirme “saber falar galego pouco ou nada”. Ante esta situación, o conxunto da comunidade do ensino, composta por estudantes, profesorado e ANPAS están obrigados a loitar por un ensino público xestionado e ao servizo da clase obreira para garantir, por unha banda, a capacitación no uso das dúas linguas que se usan na Galiza, mais tamén na adquisición de competencias para o desenrolo de tarefas produtivas e na formación do alumnado cunha perspectiva cultural e filosófica para o seu desenrolo como individuos e parte da sociedade. Para conseguir este fin é necesario, entre outras cousas, acabar co decreto de plurilingüísimo e a expulsión de calquera empresa privada do ensino que, como en moitos sectores, resulta unha maneira de desviar os fondos destinados á clase obreira para diferentes sectores capitalistas precarizando os servizos públicos.

A pesar da gran importancia do ensino na supervivencia do galego pola formación de novos falantes, erraríamos a análise se reducísemos os problemas do galego aos dunha materia escolar ou aos da dimensión educativa. A supervivencia do galego pasa forzosamente pola planificación de incentivos no seu uso nos contextos educativos, produtivos e máis tamén nos sociais e mediatíceos. O goberno da Xunta de Galicia ten unha grande implicación no descenso no uso do galego a través do ensino e tamén a través da mala xestión da CRTVG; tan criticada polo seu cadro de persoal pola súa xestión e parcialidade en defensa das posicións do PP. A CRTVG é a corporación que ten a capacidade mediatícea de promover en grande medida o uso do galego, mais a dirección da cadea que exerce actualmente o PP relega ás cadeas de radio e televisión dependentes ás de canles de baixa estofa, se falamos de entretemento, e de folla parroquial se temos en conta a dubidosa ética xornalística na dirección da corporación. Parte da estratexia do actual goberno pasa por enfocar a xestión na externalización na creación de contidos para o beneficio de empresas privadas de comunicación dentro e fóra da Galiza que producen contidos de dubidoso interese cultural, social e informativo a base de explotar aos traballadores do sector sen grandes esixencias cualitativas por parte da CRTVG, limitando a súa capacidade de competencia con outros grupos de comunicación que basean o seu funcionamento no uso de outras linguas que non son o galego.

Por outra banda, as medidas impulsadas pola socialdemocracia en defensa do Galego mostráronse incapaces de cambiar a tendencia de perda de falantes, isto débese a que ningunha das medidas cuestiona o sistema capitalista e a mercantilización cultural asociada ó mesmo. BNG, PSOE, Sumar, Bildu e ERC (entre outros) dicían querer intervir no uso masivo do castelán en contidos comunicativos e de entretemento de masas que condicionan en gran medida o uso social dunha ou doutra lingua; principalmente entre a mocidade. A concreción da citada intención foi, en primeiro lugar, a través da lei audiovisual impulsada polo PSOE; e seguindo por convenios con plataformas de streaming de cara á dobraxe en galego dunha parte residual dos seus contidos. Respecto á lei audiovisual temos que destacar que no caso concreto do galego, ningunha canle nin plataforma está cumprindo co mínimo de contidos en galego que marca a normativa. A única excepción é Netflix debido ó acordo asinado entre Xunta e a citada plataforma dentro da iniciativa Xabarín pola cal a compañía comprometíase a engadir 70 filmes e series en galego o ano. Estas dúas medidas mostran a falta de capacidade da socialdemocracia e da xestión capitalista no seu conxunto para condicionar as decisións empresariais que afectan á sociedade e, por tanto, a súa incapacidade para resolver parcial ou totalmente a crise que afronta o galego dentro do sistema capitalista. A presencia da nosa lingua dentro do audiovisual e a cultura non pode depender de convenios con multinacionais que supoñen unha transferencia de fondos públicos a mans privadas. Mentres a cultura sexa vista como unha mercador ía máis, a lingua galega verase ameazada. Só a construción dunha sociedade socialista-comunista, na cal o pobo estea implicado no desenvolvemento creativo do patrimonio cultural, pode protexer e defender o galego como parte do patrimonio de toda a clase obreira.

Se ben a defensa do galego non inflúe na loita de clases, o proceso de defensa dos dereitos económicos e políticos da clase obreira, a súa emancipación cara ao socialismo-comunismo e a defensa da cultura histórica dos labregos e da xente do mar na Galiza pasan polas mesmas fases: a organización e combatividade nos centros de traballo, de estudo e nos barrios traballadores. A supervivencia do galego pasa pola implicación co uso do mesmo, a conciencia da clase e a loita dos nosos e das nosas no día a día. O galego é froito da vontade de socialización do proletariado, e por tanto, é patrimonio de toda a clase obreira. Por iso corresponde ao conxunto da clase loitar por:

  • Unha planificación estrutural para o fomento do uso do galego tendo como pezas fundamentais a unha CRTVG e un ensino públicos, gratuítos á vangarda nos seus ámbitos, de calidade e ó servizo da clase obreira, no cal os estudantes adquiran as competencias básicas en castelán e galego e no cal se mostre a lingua galega como unha lingua viva, válida para a comunicación e expresión en calquera ámbito.
  • A construción do socialismo-comunismo. Contexto no cal, todo o pobo poda implicarase na conservación das expresións culturais de carácter progresivo, e polo tanto, na defensa das linguas que se falan no conxunto de España como parte fundamental do acervo cultural da nosa clase.

Partido Comunista dos Traballadores da Galiza