Skip to main content

18.000 euros por día. Foi o “salario” de Carlos Tavarés, o patrón de Citroën. A recompensa concedida en 2018 polos accionistas de PSA ao seu xestor, en premio polo aumento constante dos beneficios do grupo nos últimos 4 anos. Só no 2018, 2.830 millóns de beneficio neto.

A cambio, os propietarios do grupo PSA recibiron un dividendo por acción de 0,48 € no 2017, 0,53 € no 2018 e 0,78 € para o 2019. Ou sexa, un aumento de máis do 62% en tres anos para remunerar os accionistas.

De onde saen eses astronómicos beneficios?

Pois naturalmente, do sacrificio de milleiros de obreiros e obreiras das empresas principais como Citroën e máis das ducias de empresas auxiliares, ETT, empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego.

Os traballadores da automoción viron, nos últimos anos, os seus salarios reducirse drasticamente, os ritmos de traballo aumentar ata a extenuación, as xornadas alongarse e os horarios flexibilizarse de tal xeito que organizar a súa vida familiar é un soño imposible.

Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego sucédense nas empresas do sector, á vez que se multiplican as horas extraordinarias e as subcontratacións. Unha xestión empresarial dos horarios de traballo que parece caótica, pero que en realidade ten unha finalidade racional: forzar a clase obreira a aceptar a desregulación dos horarios como norma, a flexibilidade total das plantillas, para asegurar o máximo rendemento do capital. Empresas sen stocks, traballo sen “tempos mortos”, obreiros espremidos coma laranxas que logo se tiran ao lixo.

O sector do automóbil vive un acelerado proceso de concentración de capital, de fusións e compras dunhas empresas por outras, que lle permite aos grandes monopolios reducir as plantillas e poñer a “competir” á baixa unhas factorías con outras, unhas auxiliares con outras. Auxiliares que, con frecuencia, son simples filiais das empresas principais. En realidade esa “competencia” oculta unha crecente interpenetración de capitais, plataformas tecnolóxicas comúns e un obxectivo único: sacar aínda máis diñeiro do traballo da clase obreira. Son os mesmos cans con distintos colares: os accionistas dunhas e doutras empresas son a mesma clase de explotadores.

O capital ten claros os seus obxectivos e está unido. E usa as separacións existentes entre os traballadores das distintas empresas, as divisións dentro das plantillas e as desiguais condicións laborais e salariais nas propias liñas de produción, para impoñernos máis recortes, máis precariedade, máis explotación e menos salario.

As sucesivas reformas laborais ditadas polos gobernos capitalistas debilitaron a capacidade de resposta da clase obreira. A fragmentación do convenio de sector en distintos convenios colectivos de empresa favorece e dá forza a unha patronal unida como un puño.

Debemos reaccionar. É necesario construír a máxima unidade da clase obreira como obxectivo estratéxico para poder recuperar dereitos e gañar novas conquistas e melloras.

Chamamos ao conxunto dos traballadores e traballadoras da automoción a procurar a máxima unidade na acción e na mobilización para lograr mellorar os convenios colectivos que se negocian neste período e impedir novos recortes.

Chamamos a reforzar masivamente os sindicatos de clase, e a combater a fragmentación das condicións de traballo.

Chamamos á solidariedade do pobo traballador da comarca para arroupar as loitas dos traballadores da automoción contra a explotación e a precariedade e por mellores convenios colectivos.

Chamámoste a reforzar as filas do Partido Comunista e construír o partido da clase obreira en cada centro de traballo, para loitarmos por un país para a clase obreira.

PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA GALIZA – PCTG

Ver publicación en Revista Forxa