Trala a publicación de impacto ambiental do proxecto de fábrica de celulosa coñecida como Greenfiber que a empresa lusa Altri quere poñer en marcha na comarca da Ulloa, dende o Partido Comunista dos Traballadoras da Galiza (PCTG), pensamos que é o momento de emitir unha valoración e posicionarnos en torno á construción da citada planta. Aínda que unha parte importante da clase obreira na Galiza sospeitase sobre o impacto da fábrica, débese asumir que a información subministrada pola empresa promotora e pola Xunta de Galicia foi escasa e tamén variou dende o comezo do proxecto e, por tanto, as posibilidades de análise eran moi limitadas. A primeira conclusión que debemos obter da construción da fábrica de Altri na comarca da Ulloa é que debemos contar con reflexións científicas ao servizo dos intereses da clase, pois moitas das reflexións emitidas dende o comezo responderon claramente a prexuízos (dada a ausencia de datos) ou a intereses partidistas ou económicos que poden ou non coincidir cos intereses do conxunto da clase obreira e que, por tanto, déixannos en posición de defender intereses alleos aos propios como clase.
O proxecto, que rapidamente espertou a oposición de amplos sectores da comarca da Ulloa que temían que a factoría poñía en perigo o medio ambiente, pero tamén o modo de vida e os sectores produtivos relacionados coa gandaría xa instalados nese territorio. Para entender ben o proxecto e todas as implicacións que pode ter é necesario primeiro coñecer ben as características medio-ambientais e sociais do territorio no que se pretende asentar.
A fábrica de celulosa situaríase a carón da serra do Careón, que é unha zona ZEC (zona especial de conservación). Esta serra diferenciase por un solo con características moi particulares debido as rochas có forman. Entre estas características destacan pH neutros, baixa materia orgánica, unhas propiedades químicas excepcionais como unha elevada presencia de níquel e cromo, así como pobreza en nutrientes esenciais para as plantas. Isto provoca unha elevada presión selectiva que permite encontrar especies de plantas endémicas. Esta claro que situar a fábrica nesta zona suporía un grave risco desde o punto de vista de conservación da biodiversidade.
Dende o punto de vista socioeconómico as comarcas afectadas destacan por un peso importante das pequenas empresas asociadas a gandaría e o turismo asociado co camiño de Santiago. Isto pode verse no importante peso que teñen os traballadores por conta propia respecto o total de afiliacións nos principais concellos destas comarcas. Palas de Rei ten un 37,3% de autónomos, Arzúa 37,60%, Monterroso 30,89% e Melide 29,58%. Todos moi por encima do peso que os autónomos e traballadores por conta propia teñen en Galicia que é do 19%. O peso da gandería vese en que as comarcas afectada suman o 15,7% das explotacións de bovino, o 16,34% das cabezas de bovino e o 20 % das vacas de leite. Respecto o PIB hai grandes diferencias entre uns concellos e outros. O de menor PIB por habitante (datos de 2020) sería Melide con 17.251€/ano e o de maior PIB Palas de Rei con 24.234€/ano. Tamén cabe destacar que Palas de Rei no 2020 tiña un PIB per cápita superior o galego que era de 21.755€/ano. Respecto a porcentaxe de desemprego situase inferior o galego en todas as comarcas afectadas. Ámbolos dous sectores veríanse gravemente afectados pola instalación de Altri. Por unha banda, unha posible perda do atractivo turístico da zona en beneficio doutras rutas do camiño, por outro, agravaríase o cambio de superficie agrícola a forestal (en especial plantacións de eucalipto). Como efectos positivos da instalación a empresa sinala que crearía 500 postos de traballo directos, aínda que estudos da Universidade de Santiago de Compostela rebaixan esa cifra ata 281, xa que a cifra dada pola empresa non concorda co gasto de persoal que estima para a planta.
Respecto o consumo de auga da planta sería de 46.000 m3 (metros cúbicos) por día, dos cales devolvería o 65% (30.000 m3/día), perdéndose 16.000 m3 o día. Coa auga devolta verteríanse 1,86 mg/l de de fósforo, 2 gr/l de sulfatos. A pesar de que os modelos numéricos usados nos informes presentados pola empresa aseguran que a calidade da auga do Ulla non se vería afectada, hai dúbidas do que pode pasar en situacións de seca ou nos días nos que non se alcance un caudal suficiente para a dilución dos residuos. Por outra parte, esta planta sería das plantas de celulosa de España que máis partículas contaminantes emitiría á atmosfera, o cal podería provocar un empeoramento das enfermidades respiratorias debido a unha perda na calidade do aire.
En resumo: estamos falando dunha planta que se situaría en terreos limítrofes con zonas que necesitan unha protección específica para a conservación da biodiversidade, que supón un risco para os sectores existentes nas comarcas afectadas, e que non ten as garantías suficientes para asegurar que non suporá un empeoramento da auga e aire da zona. Isto explica o descontento que produce o proxecto nas zonas afectadas, pero para que ese descontento sexa realmente útil práctico, é necesario que se estenda a denuncia a todo o sistema capitalista: Non imos ter control das nosas vidas e dos entornos urbanos e rurais onde traballamos e vivimos se estamos a merced dos proxectos capitalistas, das súas empresas privadas e das institucións burguesas que os amparan.
De feito, o proxecto de Altri, para levarse a cabo, precisaría dos fondos europeos Next Generation dun importante investimento público (autonómico, estatal ou de fondos da UE). Unha vez máis demostrase que existe un constante traspaso das rendas do traballo, impostos ou fondos públicos a monopolios europeos. A Xunta como bo xestor dos intereses dos monopolios actuou para facilitar os mesmos, mais o PSOE aínda pode destinar recursos a través do goberno central para a fabricación da factoría, do mesmo xeito que a Unión Europea a través dos fondos Next Generation. Existe unha relación inseparable entre as empresas privadas e os partidos políticos capitalistas que non é froito directo dun sistema político corrupto, se non dun sistema económico que promove a corrupción e fomenta a existencia de grandes monopolios que concentrando gran parte da riqueza, operan contra os intereses da maioría traballadora. Só o socialismo-comunismo pode convertir aos deposuídos no capitalismo nos protagonistas dunha sociedade xusta no económico e democrática no político, capaz de garantir unha política industrial que teña en conta os intereses sociais e a conservación dos ecosistemas no seu conxunto. Por este motivo é imprescindible que a loita contra este proxecto estea protagonizada polos traballadores organizados, son eles a única clase que ten un interese e unha necesidade obxectiva de acabar co poder dos monopolios e construir unha sociedade na que eles e elas tomen as decisións en base aos seus intereses. A esperanza para salvar o medio ambiente unicamente a acción revolucionaria.
Comité Territorial do PCTG