Skip to main content

Ante o anuncio realizado polo presidente de ALCOA ESPAÑA, Álvaro Dorado, de liquidar as unidades produtivas de San Cibrao, o Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza reitera o seu apoio á loita dos traballadores e traballadoras da Mariña luguesa en defensa dos seus empregos e da actividade. Expresamos todo o noso apoio ás mobilizacións e ás medidas que adopten o Comité de Empresa de Alcoa e as organizacións sindicais de clase da comarca.

Denunciamos a complicidade da Xunta, do Goberno central e dos políticos burgueses que durante estes anos estiveron mareando a perdiz e botando balóns fóra, como se non tivesen as competencias e os recursos para acabar con esta situación que mantivo milleiros de familias traballadoras galegas e asturianas, na dramática incerteza do seu futuro.

Unha vez máis, constatamos que no capitalismo as institucións burguesas son instrumentos ao servizo duns parasitos sociais. Os propietarios e xestores das empresas transnacionais que acumulan fortunas explotando o traballo e os recursos dos pobos, reciben ademais subvencións multimillonarias das diversas administracións. Cando as expectativas de beneficios baixan, pechan as instalacións deixando atrás delas desemprego e miseria e un deserto industrial.

Non se debe consentir que unha compañía que defraudou á Facenda pública máis de 112 millóns de euros no Imposto de Sociedades, entre 2002 e 2009, saque un peso máis de nós para as arcas dos seus accionistas.

O PCTG considera necesaria a nacionalización sen indemnización e baixo control obreiro das empresas estratéxicas. A produción debe estar ao servizo das necesidades de quen crea o valor co seu traballo, non para alimentar as contas bancarias dos accionistas de Alcoa e outros parasitos.

O PCTG chama o conxunto da clase obreira e do pobo traballador a defender a permanencia das industrias e dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo en Galiza.

Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita dos traballadores de ALCOA, das auxiliares e de ALU IBÉRICA que, defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.

Chamamos a apoiar as mobilizacións e manifestacións previstas nos días vindeiros para esixir:
ALCOA NON SE PECHA!! AS CUBAS NON SE PARAN!! DESPIDOS NON!!

REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN E CONTROL OBREIRO !!

Galiza para a clase obreira!

Galiza, 10 de outubro 2020.
Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)